miércoles, 29 de febrero de 2012

Eu digo:... salta comigo


Seguindo co atletismo abordamos hoxe os saltos. Saltar é unha habilidade motriz básica, xa que desde moi pequenos utilizamos os saltos para salvar charcos, baixar dunha altura, cruzar un regato, ou simplemente por diversión; en atletismo os deportistas tratan de chegar o máis alto ou o máis lonxe posible, mellorando a súa coordinación, velocidade, forza, ... a través do esforzo nos adestramentos.
Xa comentamos en clase que existen dous tipos de saltos, os horizontais e os verticais.
Nos saltos horizontais tratamos de chegar o máis lonxe que poidamos, e dentro destes hai dúas especialidades atléticas coma son:

  • salto de lonxitude: consiste en correr por unha pista de aceleración e saltar desde unha táboa de batida ata un banco de area, tendo en conta que a táboa non pode pisarse, por iso nas competicións está cuberta con plastilina. A lonxitude do salto mídese desde a táboa de bátida ata a pegada que haxa máis preto no foso de area. Cada participante dispón de 6 intentos.

  • triple salto: nesta proba os atletas deberá acelerar e na táboa de batida comezar o primeiro dos tres saltos co obxectivo de chegar o máis lonxe posible, tampouco se pode pisar a táboa de batida, sendo o resto das normas iguais que no salto de lonxitude.


Polo que respecta aos saltos verticais tamén temos 2 especialidades:
  • salto de altura: nesta proba o deportista trata de superar a máxima altura posible e establecida por un listón que non pode ser derrubado. A carreira e a batida son as fases principais do salto, pero neste caso o voo tamén adquire moita relevancia, sufrindo unha evolución técnica ao longo dos anos; actualmente a técnica utilizada é o estilo Fosbury. Na competición existen 3 intentos para superar a altura elexida, de non ser así quedarase eliminado. A carreira comeza cunha traxectoria recta para despois finalizar cunha traxectoria curva.


  • salto con pértega: os atletas utilizan unha pértega flexible para franquear un listón elevado sobre dous postes, igual que na altura, que non pode ser derrubado. A carreira neste caso e liñal e cobra gran importancia o manexo da pértega.


Agardo que vos gustase a información relativa aos saltos en atletismo, un saúdo e ata a próxima.

No hay comentarios:

Publicar un comentario